top of page

O arado
MANUEL MARÍA

Labrado da miña mao

fixen coa miña navalla,

un aradiño de pao...

 

Leva timón e chavella

¡e unha rella furadora

feita dunha lata vella!

 

Ten orelleiras; rabela

ten luída e rematada

¡que namora mirar para ela!

 

O meu arado é tan feito

¡que pode incluso esfender

labradíos a barbeito...!

 

¡Teño xa que darlle estreno

ao meu arado arador,

ao meu arado pequeno...!

 

¡E non sei a ónde hei de ir

buscar os bois que preciso,

buscar bois para xunguir!

 

Os soños na gaiola (1972)

bottom of page