top of page

O maio

Curros Enríquez

Aí vén o maio
de frores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.Manuel Curros Enríquez

Coma en Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o poema comeza cuns versos populares (cursiva) dos que a continuación se fará a glosa ou explicación. 

Este poema figura en Aires da miña terra, libro que comeza cos tres textos premiados no concurso de 1877. Pero este poema, nun marco costumista, o que sobresae é o tema cívico. Tras unha introdución de ambiente costumista, expón a situación do pobo galego – miserenta- e o desexo (inalcanzábel) dun futuro mellor.
Podemos estruturar o texto en 3 partes:
- 1ª: Introdución (1ª estrofa)
- 2ª: Situación actual (2ª estrofa)
- 3ª: Representación dun hipotético futuro ideal (3ª e 4ª)
Vemos un desenvolvemento gradual, no que a tensión vai aumentando ao longo do poema (sobre todo na última parte) ata acabar nun final brusco, no clímax temático, sen que haxa unha conclusión ou anticlímax que nos permita descargar a tensión acumulada.
O autor sitúa o poema na 1ª persoa gramatical, mais non é o propio eu o que fala para expresar algo íntimo e persoal, senón que se converte na personificación da Galiza, do oprimido pobo galego, facéndonos sentir así a súa identificación cos que sofren, e achegándonos a nós moito máis ao problema, que aparece moito máis subxectivizado (o uso da 3ª persoa daría unha visión máis obxectiva e distanciadora). Desde ese plano de subxectividade hai unha sobrecarga dos referentes da 1ª persoa (moitas veces gramaticalmente innecesarios) e tamén con frecuencia o acento rítmico recae sobre eles (vv. 6, 8, 13, 15, 16, 17, 26), o que os fai resaltar aínda máis.
Desde o punto de vista da perspectiva temporal, hai un xogo entre pasado, presente e futuro, predominando a actualización do presente, que veremos con máis detalle máis adiante.
O ritmo do poema é áxil, logrado mediante o emprego do verso curto, a abundancia de encabalgamentos, e no plano morfo-sintáctico pola case ausencia de adxectivos (só 5), abundancia de verbos (18) e sobre todo de substantivos (31) e tamén na última estrofa coa presenza desas anáforas que podemos cualificar de "rápidas", cunha continua enumeración de substantivos.
Hai só dous momentos (semanticamente correspondentes co centro contraposto do poema) nos que o ritmo se estanca: v. 15-16 e 23-24, conseguidos con 2 procedementos distintos:
1.- mediante a anáfora e o paralelismo semántico; despois da pausa longa dos dous puntos, e intensificado ademais o 2º verso coa presenza das admiracións.
2.- a chegada, despois dun longo período subordinado, da oración principal (polo tanto teremos que darlle unha rapidez desde o principio até chegarmos á esencia, para entendelo á perfección).
Sintacticamente é un texto sinxelo, con oracións curtas, porque ao autor non lle interesa adornalo (por iso case non hai adxectivos), o que lle interesa é ser directo, claro, chegar á esencia (de aí tamén a abundancia de substantivos), sobre todo nese final abrupto, ferinte, no que enumera as causas da miseria, na súa máis espida esencia, sen adornos superfluos, innecesarios, pois xa esas realidades son suficientemente negativas.
Hai un grande paradoxo, unha antítese entre o título (e a introdución do poema) e o seu posterior desenvolvemento.
Maio é o mes da primavera, das flores, da alegría, da esperanza..., mais ao longo do texto imos achar unha negación de todo isto, mesmo ese desexo dun futuro mellor, que expón na 3ª parte, vai quedar cortado co final abrupto, no que parece desbotarse a posibilidade de que efectivamente chegue (ou polo menos non aparece explícita).
A 1ª estrofa podería aínda interpretarse dentro do tópico primaveral: unha cantiga de louvanza posta en boca duns nenos. Mais xa hai algo que desentoa dese marco primaveral e feliz; non é ouro todo o que reloce: os puchos están furados
Despois desta 1ª estrofa introdutoria, en pasado, que case podería ser a presentación dun lírico cadro costumista, o autor, abruptamente muda de ton e dramatiza a escena, pasando a un presente no que alguén se dirixe directamente aos seus interlocutores, eses nenos que cantaban, e paulatinamente nos vai pondo diante dos ollos o contraste xa intuído: os rapaces deben pasar calados e quedos porque o interlocutor (o falante) non ten nada. Despois desta confesión temos unha pausa longa e importante, xa que crea unha sensación de expectativa ¿quen é o que fala, por que non ten nada? E a tensión vai aumentando a partir de aí. Preséntanos directamente "o protagonista" do poema: "o pobre/do pobo galego" (nunha lectura superficial podería darse un malentendido que desvirtuaría en boa parte o significado do texto: identificar ese pobre do pobo cun esmoleiro individualizado, unha persoa concreta, e non como a colectividade campesiña galega, mais non é así, e para entendelo hai que ter en conta que o significado de "pobo" en galego é prioritariamente "conxunto de xente" e non lugar onde se vive /=aldea, lugar, vila.../). Despois desta presentación novamente hai unha pausa longa (como xa sinalábamos antes) e unha intensificación da miseria actual. É agora cando explicitamente se produce o contraste entre título e tema: é xustamente a negación, ademais reforzada anaforicamente con ese xogo non/sempre.
Na 3ª estrofa atopamos unha proxección de futuro, un estoupido dos íntimos desexos desa colectividade asoballada: a liberación dos donos (=foros) dos impostos e da igrexa (a quen tamén había que pagar desmos e foros), expresado con ese polisíndeto reiterativo e intensificador (un e outro, e outro...)
Finalmente volve ao presente, interrogando e exhortando aos interlocutores, o que fai máis patente a súa impotencia ante o asoballamento: é a uns nenos a quen lles pide imperativamente a desaparición de todas as cadeas que o atan: utilizando anáforas e paralelismos que se van intensificando gradualmente: UN MAIO SEN --- NEN --- / UN MAIO SEN --- , --- NIN ---/ SEN --- NIN --- NIN --- NIN ---, onde están presentes novamente, pero máis individualizados, todos os elementos asoballantes, mais sempre prepotente a aparición da Igrexa (ao principio e ao final) no plano espiritual e no material. (Aclaremos: 
un maio sen segas, usuras nin preitos: sen ter que ir a seitura de Castela, nin xuros excesivos nos préstamos, nin custosos preitos na xustiza; sen quintas, nin portas, nin foros, nin cregos: sen ter que facer o servizo militar obrigatorio (quintas), nin pagar impostos para vender os froitos nos mercados (portas), nin ter que lles pagar aos señores por traballar a terra (foros), nin curas que cobren e opriman aos pobres.
E así, de súpeto, como vencido o autor ante tan negativo presente, remata o poema.


(Poema comentado por Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo)

bottom of page