top of page

Paseniño, paseniño

Rosalía de Castro

Paseniño, paseniño,
vou pola tarde calada
de Bastabales camiño.

 

Camiño do meu contento;

e en canto o sol non se esconde, 

nunha pedriña me sento.


E sentada estou mirando

como a lúa vai saíndo,
como o sol se vai deitando.


Cal se deita, cal se esconde, 

mentres tanto corre a lúa
sen saberse para onde.


Para onde vai tan soia

sin que ós tristes que a miramos 

nin nos fale nin nos oia.


Que se oíra e nos falara,

moitas cousas lle dixera,
moitas cousas lle contara.

Parte terceira das cinco que conforman o poema «Campanas de Bastabales», o décimo primeiro poema de Cantares gallegos (1863). Trátase dunha glosa do cantar popular que encabeza a composición: Campanas de Bastabales, / cando vos oio tocar, / mórrome de soidades. 

Lírico e narrativo a un tempo, relata unha breve historia en primeira persoa: no medio do camiño que unha muller percorre cara a Bastabales, unha muller senta nunha pedra agardando a que saia a lúa, e cando isto sucede, mentres a contempla, pensa no marabilloso que sería poder falar con ela e contarlle cousas.

Na composición están presentes dous temas recorrentes na obra de Rosalía, a natureza (a lúa sae, o sol se deita) e a melancolía e saudade: a muller, soa e triste, síntese identificada coa soidade da lúa (Para onde vai tan soia / sin que ós tristes que a miramos / nin nos fale nin nos oia). os "tristes", frecuentes na obra de Rosalía, son seres predestinados á dor, que procuran -case sempre sen éxito- a axuda dun Deus consolador, un deus distante, máis buscado que sentido. «Campanas de Bastabales» xunto con «Como chove miudiño» son os dous únicos poemas de Cantares galegos que posúen unha temática intimista, liña que prevalecerá no seguinte poemario de Rosalía de Castro Follas Novas. Nestes dous poema, a voz lírica que fala podemos interpretala como o trasunto da propia Rosalía, onde a poeta expresa as vivencias e sentimentos persoais.

A métrica e os recursos estilísticos do poema teñen unha raíz popular. De feito, as estrofas seguen o modelo métrico do cantar popular que abre a composición: trátase de coplas de tres versos co esquema a b a.

Formalmente, o poema destaca polo uso de figuras de repetición: reduplicación (Paseniño, paseniño); paralelismo (como a lúa vai saíndo / como o sol se vai deitando; cal se deita, cal se esconde; nin nos fale, nin nos oia; moitas cousas lle dixera / moitas cousas lle contara) e anáfora –que reforza o paralelismo– (moitas cousas lle dixera / moitas cousas lle contara; como a lúa vai saíndo / como o sol se vai deitando). Tamén hai aliteración de nasais, coa repetición, case paronomástica, de -nt- e -nd.

Ademais, todas as estrofas da composición están concatenadas, isto é, repítese ao principio dun verso unha palabra relacionada co verso precedente: son tercetos encadeados.

bottom of page