top of page

EDUARDO PONDAL

A fala 

Nobre e harmoniosa
fala de Breogán,
fala boa, de fortes
e grandes sen rival;
ti do celta aos ouvidos
sempre soando estás
como soan os pinos
na costa de Froxán;
ti nos eidos da Celtia
e co tempo serás
un lábaro, sagrado
que ao triunfo guiará,
fala nobre, harmoniosa,
¡fala de Breogán!

Ti, sinal misterioso
dos teus fillos serás
que polo mundo dispersos
e sen abrigo van;
e a aqueles que foran
nunha pasada edá
defensores dos eidos
contra o duro román
e que aínda cobizan
da terra a libertá,
nun pobo nobre e forte,
valente, axuntarás,
¡oh, fala harmoniosa,
fala de Breogán!

Serás épica tuba
e forte sen rival,
que chamarás aos fillos
que aló do Miño están,
os bos fillos do Luso,
apartados irmáns
de nós por un destino
envexoso e fatal.
Cos robustos acentos,
grandes, os chamarás,
¡verbo do gran Camoens,
fala de Breogán!

Falade gallego!

Miniñas da Cruña,
d’ amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos lixeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego.


Cand’ é que vos ouzo,
a patria esquecendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade, miniñas,
falade gallego.

Mas cando falades
nos patrios acentos,
envoltos no voso
angélico alento,
parece que escuito
un canto do ceo:
falade, miniñas,
falade gallego.

bottom of page