top of page

En pé!

Ramón Cabanillas

 ¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,

o corazón aberto

a toda verba amiga
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,

arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!

 

Validos de traidores
a noite de Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.

Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
Irmáns asoballados

de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!

  

¡Irmáns no amor a Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡En pé dispostos
a non morrer sen loita!

¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre, honrada chouza!

!Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,

berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa”.

Poema lírico de tema social-patriótico, publicado por Ramón Cabanillas en Da terra asoballada, 1917. É un poema combativo, agrarista, nacionalista e galeguista, que ten a solemnidade dun himno patriótico. Mesmo se chegou a proponer como himno galego, pero xa estaba “Os pinos” de Pondal, coa música de Pascual Veiga. 

Cabanillas, alcumado “o poeta da raza”, é o grande escritor da literatura galega das primeiras décadas do século XX, vinculado ás Irmandades da Fala e ao seu credo nacionalista e redentor. Poeta ponte entre os grandes clásicos do Rexurdimento do XIX e as novas xeracións de poetas vangardistas que comezan a publicar na década dos 20, sitúase, pois, entre a tradición e a modernidade. Comprometido na defensa de Galicia, estivo moi influído pola realidade social que lle tocou vivir, isto é, o agrarismo, a loita organizada dos labregos para defenderen os seus dereitos e denunciar as inxustizas ás que se vían sometidos; un asoballamento ao que fai referencia precisamente o título do libro no que se integra o poema a comentar: Da terra asoballada (asoballada= avasalada, dominada, sometida). Trátase, pois, dun libro no que predomina a temática cívica, reivindicativa, unha das máis características do autor e que entronca directamente coa poesía de denuncia social de Curros Enríquez, do cal, en boa medida, foi sucesor. 

 

Todo o poema é unha chamada a acción. Os signos de admiración reforzan o ton apostrófico. 
 

O TÍTULO é breve pero forte. É unha chamada a plantarse, a poñerse firme e a negarse a continuar na situación na que se está.  

A DEDICATORIA a Luís Porteiro Garea (1889-1918) débese á relación ideolóxica que os une: Porteiro foi un dos fundadores das Irmandades da Fala.

ESTRUTURA: tres partes iguais compostas de dez versos heptasílabos e dous hendecasílabos (referencia á bandeira), con rima nos pares. Ten unidades rítmicas de dous versos en varias ocasións.

PRIMEIRA PARTE

  • Nos primeiros versos, o suxeito poético, que identificamos co autor, apela aos Irmáns galeguistas (das Irmandades da Fala) para que se ergan con serenidade pero con firmeza, e coa “limpa fronte erguida”, isto é, con honradez e dignidade, iluminados pola luz diúrna do sol (positiva, branca), sen sombras e sen medo, con determinación. Logo, con encabalgamento con personificacións, expresa a necesaria actitude de ser receptivos ás mensaxes amigables. Con paralelismo define as dúas formas de loita: nunha man a fouce, símbolo do traballo das clases populares labregas, o colectivo maioritario de Galicia. Desde 1918 será xunto co martelo (símbolo do colectivo obreiro) o símbolo do marxismo. Noutra man oliveira, símbolo bíblico da paz, da dureza, da permanencia (a pomba que Noé envía para verificar se hai vida na terra volta cun ramalliño de oliveira). 
    Finalmente, temos dous versos paralelísticos e anafóricos para a bandeira de Galicia, aquilo que une a todos os galegos (arredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira de Galicia). Agora son hendecasílabos e e dalgún xeito, funcionarán como tema de refrán. Logo emprega o suxeito plural co que fai unha chamada aos galegos para procurar unha nova Galicia liberada.

SEGUNDA PARTE. Referencia histórica á época negra de Galicia, cando perdeu a súa liberdade e nova conclusión de chamada á loita. 

  • Primeiro fai unha referencia histórica: o momento en que o reino de Galicia perde a soberanía: valéndose de traidores, os Reis Católicos conseguiron rematar coa rebeldía de Pero Pardo de Cela e entraren no ben defendido castelo da Frouxeira (Valadouro, Foz). Coa súa morte comeza o proceso que o cronista real, Padre Zurita, denominou “doma del Reyno de Galicia”. 

  • Logo expresa metafóricamenteque o século XV queda lonxe (xa afrouxan as cadeas), queestamos noutros tempos, nos tempos das Irmandades (como no poema pondaliano: os tempos son chegados). Os irmáns escravizados e oprimidos for xente de fóra, debe reivindicar os dereitos a ser libres. 

  • Volve aparecer o símbolo da bandeira, insignia do nación. (Cabanillas xa non fala de alma rexional coma en Acción Gallega, agora xa é nación). A repetición enfatiza a mensaxe que procura a liberdade da Terra (con maiúscula, porque é Galicia).
     

TERCEIRA PARTE

  • Cabanillas segue na procura das raíces e vai máis atrás no tempo: a Gallaecia sueva. O Reino Suevo dos séculos V-VI foi unha época gloriosa, lendaria; (o primeiro reino independizado nun territorio dentro dos límites do Imperio Romano Occidental). O maior esplendor do reino de Galicia debe servir de exemplo para fomentar a valentía combativa.
    Segue atrás no tempo para reforzar outra vez a idea de loitar até o final: a resistencia extrema amosada no monte Medulio (con sangue quente e roxa), contra os romanos no S. I aC (o suicidio antes ca entregarse: o “antes mortos ca escravos” de Castelao, “Como Leónidas” de Pondal…). 
    Os devanceiros heroes co seu exemplo xa nos mercaron o dereito á libertar a terra (mercámo-lo dereito / á libre, honrada chouza!. Novo hipérbato para reforzar a idea de liberdade 
    Como as partes anteriores volve ao tema principal e á refencia simbólica á bandeira. Fai referencia ásIrmandades dos novos galeguistas e volven aparecer a oliva e a fouce, primando a oliva: antes é a loita pacífica. No remate temos que berrar (xa non só cantar) e facelo alto e forte, para que escoiten todos.“A nosa terra é nosa”! entre aspas, a consigna dos galeguistas, como a nosa terra pertencía a xentes alleas (Castelao: a nosa terra non é nosa, rapaces), temos que conseguir que sexa nosa de verdade. 

En definitiva, as referencias históricas serven para exemplificar respectivamente: 

  • asoballamento histórico por xentes non galegas

  • a posibilidade dun país libre como no período suevo 

  • a propia estirpe guerreira dos galegos que puxeron de manifesto xa durante a romanización.

 

TEMA. O poema é un chamamento á unión dos galegos para rematar a escravitude e loitar pola liberdade, representada dita unión no símbolo do país, a propia bandeira. Poema que funciona a modo de himno patriótico, dirixido a un público para conciencialo. A  esencia da composición é a liberación de Galicia da man dos propios galegos. 

 

Simbolismo: 

    - a bandeira, símbolo da identidade galega

    - a brancura representa a pureza e honradez do pobo galego. 

    - a fouce e a oliva, clásicos símbolos da loita e da resistencia 

    - Castela, a antítese de Galicia no discurso galeguista (a procedencia dos dominadores)

    - Suevia, o pasado mítico, lexendario 

    - monte Medulio, a resistencia

    - as cadeas, a escravitude

    - o sangue (a forza vital) 

.

bottom of page