I onde vai aquil romeiro, meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela, non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue, xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello, non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas, ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados, verdes como a auga do mar.
–I onde ides meu romeiro, onde queredes chegar?
Camiño de Compostela donde teño o meu fogar.
–Compostela é a miña terra, deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles, brilante como un altar.
–Cóllase a min meu velliño, vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas da Virxe de Bonaval.
–I eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela, foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou Gaiferos de Mormaltán:
–Gracias meu señor Santiago, aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida, pódesma señor tirar,
porque morrerei contento nesta santa Catedral.
E o vello das brancas barbas caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes, verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, alí o mandou enterrar
e así morreu señores, Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moito miragres que Santiago Apóstol fai.
ESTE é un dos máis belos romances, o máis famoso, e, seguramente un dos máis antigos que conservamos en galego.
O famoso romeiro don Gaiferos de Mormaltán, que segundo o romance faleceu na Idade Media na Catedral compostelá tras completar a peregrinación, era (segundo demostrou un recente estudo de Isidoro Millán), o Duque Guillermo X de Poitou, Duque de Aquitania e Conde de Vienne. A historia desta morte formou parte da tradición oral galega ata que Murguía a recolleu por escrito no seu ensaio 'Galicia'(1888).
Guillermo X de Aquitania -en francés, Guillaume le Tolousane e en occitano, Guilhèm X de Peitieus (1099 - 1137) foi o último conde de Poitiers e o décimo duque de Aquitania. Foi fillo de Guido Godofredo (Guillermo IX, “o trobador”) e pai de Leonor de Aquitania, (mecenas de trobadores e reina consorte de Francia e, despois, de Inglaterra). Guillerme aparece reflectido no libro Pseudo Turpín, como " Gaiferus rex Burdegalensis". O bispo Otto de Freising na súa Historia Duabus civitatibus denomina a Guillermo X co nome de Gaufridus, do que podería derivar o Gaiferos. Mormaltán, pode ser unha deformación popular do nome da localidade francesa de Mont-de-Marsán (rexión das Landas, Gascuña, Aquitania), pola que pasaba a vía Lemovicensis, un dos catro camiños franceses de peregrinación a Santiago.
Algunhas versións din que morre antes de chegar á catedral. Outras que, mentres o bispo lía o oficio da Paixón, caeu fulminado ante o altar maior. Non Chronicon Sigeberti de Roberto de Thorighy, abade de Mont Saint-Michel (Normandía), publicado en 1513, di que en 1137-nos últimos anos do pontificado de Diego Xelmírez- Guillerme parte cara Santiago, en Galicia, para orar, e morre na Catedral un 9 de Abril, Venres Santo.
Os versos sitúan a morte ante o Apóstolo, e fálannos da dureza do Camiño, que todo peregrino debe superar con sacrificio, atravesando longas distancias a través de campos e vereas. O romance, e quizais un relato oral perdido, pertence ao ciclo carolinxio, cantado por xograres e máis tarde por cegos, durante séculos, ás portas da basílica compostelá. A morte na catedral do peregrino ilustre, é a do home dos “ ollos gazos, leonados, verdes com´ auga do mar”, recollida e idealizada por algún xograr medieval. A identidade do xograr que fala con Gaiferos, acompáñalle e axuda no seu camiño non é outro que o mesmo apóstolo Santiago. Con variacións no texto, a versión musicada que se coñece hoxe debémoslla ao musicólogo ourensán Faustino Santalices -gaiteiro, investigador e zanfonista- que a interpretou en 1954 nun recital-homenaxe a Ramón Menéndez Pidal. Posteriormente fixo unha gravación sonora desta obra, con acompañamento de zanfona, un instrumento que estudou e reconstruíu.
RECREACIÓN DA CATEDRAL ROMÁNICA MEDIEVAL