CANTIGAS DE AMIGO
Lelia Doura
Lelia Doura en versións de Amancio Prada e Roi Xordo
Eu velida nom dormia
lelia doura,
e meu amigo venia,
edoi lelia doura.
Nom dormia e cuidava
lelia doura,
e meu amigo chegava,
edoi lelia doura.
E meu amigo venia,
lelia doura,
e d’amor tam bem dizia
edoi lelia doura.
E meu amigo chegava,
lelia doura,
e d’amor tam bem cantava
edoi lelia doura.
Muito desejei amigo,
lelia doura,
que vos tevesse comigo,
edoi lelia doura.
Muito desejei amado,
lelia doura,
que vos tevesse a meu lado,
edoi lelia doura.
Leli, leli, par Deus, leli
lelia doura,
bem sei eu que nom diz leli,
edoi lelia doura.
Bem sei eu quem nom diz leli,
lelia doura,
demo x’é quem nom diz lelia,
edoi lelia doura.
Rara cantiga de amigo de Pedro Eanez Solaz, poeta do século XIII de que conservamos sete cantigas -catro de amor e tres de amigo- e do que ignoramos os seus datos biográficos. Atribúeselle orixe pontevedresa, pois nunha cantiga de amor se declara namorado dunha freira que non é do convento de Nogueira (quizais Nogueira en Meis, no Salnés).
Lelia Doura é unha cantiga de envolvente lirismo, moi polémica e moi enigmática, polas extrañas palabras do seu duplo refrán -Lelia Doura / edoi lelia doura- , que durante moito tempo estuvieron sen descodificar.
-
Primeiro, foi entendido como onomatopeico, isto é, un simple conxunto de sons exclamativos.
-
En 1964, os musicólogos Brian Dutton e Firmino Crespo defenderon que se trataba de palabras en árabe. Lelia sería árabe andalusí, de layl ou ليل, "noite" (de onde sae o nome Laila) que, con doura significaría "e a noite roda", "a noite avanza", "a noite é longa". "Edoi lelia doura" sería “Esmorezo, a noite avanza” (o que cadraria ben na voz da moza insomne). “A noite avanza”, podería expresar o desacougo dunha muller que á alba debe despedirse do seu amado (un amor prohibido? quizais entre unha cristiá e un musulmán?).
-
Rip Cohen e Federico Corrente (2002), confirman que "lelia doura" é árabe pero proponen outra tradución: Lelia sería transcrición de liya, alomorfo de li que significa ‘a min’ ou ‘para min’; e "doura" do árabe andalusí "ddáwra", ‘quenda’. “Lelia doura, lido como líya ddáwra “a min a quenda, a min a vez)” en árabe andaluz. Cinco veces en Martín Xinzo debemos pronunciar Cecilia como /sesia/ en rima, sendo todas as rimas perfectas). Canto a "edoy", trataríase de mozárabe, romance andalusí arcaico, onde et [h]oy > ed oi sería "e hoxe". O conxunto completo sería ‘E hoxe tócame a min’. Así: ed oi ("e hoxe")/ CAMBIO DE CÓDIGO / líya ddáwra "é a miña quenda”; un verso bilingüe, como ocorre en tantas kharchas. A cantiga reflictiría así o amor dunha muller árabe andalusí, dun harén, polo seu señor. Expresaría a sorte de saber que hoxe é ela a afortunada, o que lle fai permanecer sen durmir á espera do seu amado. De ser este o sentido do texto, a orixinalidade é sorprendente.
-
Alguns rexeitan a última interpretación: tres linguas (galego, árabe e mozárabe), alteracións bruscas no paralelismo nas estrofas 5, 6 e finais que parecen introducir inesperados desvíos de sentido na voz da moza... Ademais, un remate que parece recoller unha maldición. A interpretación cabal da cantiga segue a ser un enigma. Alba? Lamento? Canto de xúbilo? Orixinal sátira? Podería o trobador aludir aos amores prohibidos entre unha cristiá e un musulmán? Quizais un dos músicos que estaban ao servizo dos soberanos peninsulares?
En calquera caso, estamos ante unha cantiga estremadamente orixinal e de difícil clasificación.