Nocturnio (O vello e o sapo)
Curros Enríquez
Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas beiras o céspede mol.
Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó piñar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
-¡Ai! –dixo-, ¡que triste!
¡que triste eu estou!
I on sapo, que oía,
repuxo: -¡Cro, cro!
¡As ánemas tocan!... Tal noite como esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte, i a besta,
na terra a semente botouse a perder.
Vendín prós trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pechadas as portas
os cans sáienme a elas e fanme fuxir.
-Canta, sapo, canta;
ti i eu ¡somos dous!...
I o sapo, choroso,
cantaba: -¡Cro, cro!
Soliños estamos entrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non;
a ti non te morden os ventos da serra,
i a min as entranas i os ósos me ron.
Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu, nado entre os homes, dormendo entre as feras,
e morte non acho, si quero morrer.
-Xa tocan… Recemos
que dicen q' hay Dios!...
El reza y-o sapo
cantaba:—¡Cró, cró!
A noite cerraba, y-o rayo d'a lua
n'as lívidas cumes comenza á brilar;
curisco que tolle n 'os álbores brua
y-escóitase ó lexos o lobo ouvear.
O probe d'o vello, c'os anos cangado,
erguéuse d'a pedra y-o pau recadou;
viróu par'os ceos o puño pechado
e car' ós touzáles rosmando marchóu...
C'os ollos seguíndo-o
n'a escura extensión,
o sapo quedóuse
cantando:—¡Cró, cró!
Na súa obra «Aires da miña terra», á que pertence este poema, pódense ver as dúas liñas mestras que presiden toda a obra poética de Curros: unha fonda preocupación social e unha exaltación dos valores tradicionais da cultura galega. Esta composición é un claro exemplo da primeira tendencia.
Lemos no Blog "O marcapáxinas"
Cando falamos deste poema, falamos de Romanticismo en estado puro. Dende a primeira estrofa de admirábel natureza rural ata o propio personaxe do vello, un home tremendamente miserable e ó que as desgrazas no mundo creado polos homes lle impide ser feliz. Chega a atoparse cun sapo (tradicionalmente, un animal despreciábel) e envexar a súa situación de liberdade e despreocupación na natureza:
“Ti nado nos montes, nos montes esperas
decote cantando teu término ver.
Eu nado entre os homes, durmindo entre as feras,
e morte non hacho se quero morrer”
Esta idea de desesperanza e falta de consolo reforzarase nos vindeiros versos cando lemos “xa tocan, recemos, que dicen que hai Dios”. Nin a idea de Deus pode consolar agora ó desgraciado vello.
Ó final do poema, o vello abandona a pedra na que estaba sentado xunto o sapo. É entón cando Curros, dun xeito maxistral, ensina de novo a idea de superioriade do mundo natural tan extendida durante o Romanticismo. O vello vai de volta para o seu mundo, mais na Natureza todo queda inmutábel. Exactamente como estivo todo o tempo. E o sapo repite o seu croar como leva facendo todo o poema. A pesares de que se mostra algo choroso, o seu “cro, cro!” lembra por veces o grallar do “nunca máis!” do corvo de Poe. Mais neste caso non para atormentarnos, senon para recordarnos a natureza como ese paraíso perdido, ese “mundo das ideas” platónico en contraposición á corrupción e argalladas do mundo dos homes. Unha obra mestra.
.