Cantiga das Encrobas
MANUEL MARÍA
Primeiro, Portomarín,
logo, Castrelo do Miño.
Despois tocoulle ás Encrobas
sufrir parello destino!
Ai, lalelo, ai, lalelo, ai, lalelo, ai, lalalaa.
Raposos capitalistas
que non deixan un terrón,
sementan todo de lixo,
porcallada e polución.
Nas nosas terras labregas,
fértiles e feiticeiras,
queren erguer celulosas
que cheiran como esterqueiras.
Queren encher a Galicia
de industrias contaminantes
e que o noso pobo siga
a producir emigrantes.
As terras son dos labregos
dende tempo inmemorial
mais agora, sen razón,
“rouballas” o capital.
Cando o pobo pide o seu
con voz valente e baril
mándanlle, “pra” contentalo,
cabaleiros de servir.
Hai pouco foi nas Encrobas,
ás portas de Xove están.
Se a algún lugar non chegaron
axiña aparecerán.
Xurxo Souto falou sobre a canción de Fuxan os ventos en “Unha canción marabillosa, galega e panteísta”:
“Escritor total e multiforme. Poeta existencial, cósmico, lírico, social, amoroso, satírico, infantil... E se a algures non chegaron os seus versos, Manuel María sempre estivo disposto a atender as demandas que consideraba xustas e compoñer cantigas por encarga. Acudo, quizais, ao exemplo máis famoso:
Anos setenta. Loitas populares contra o proxecto de construción dunha central nuclear en Xove, a destrución da praia de Baldaio, ou as celulosas en Quiroga e no Anllóns. Así naceu a “Cantiga das Encrobas”, encargo de Fuxan os Ventos, a través dun dos seus compoñentes, Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”(5). Mini achegou a melodía, un cantar de sega, que aprendera da xente da Casa da Roxa, en Vilanuñe, Monterroso. E Manuel María armou os versos nun metro ben acaído. De todos os xeitos houbo un pequeno cambio sobre o texto orixinal. Onde o chairego escribiu “forzas da garda civil”, Fuxan os Ventos cantou “cabaleiros de servir”. Troco en aparencia pequeno, mais testemuño ben significativo da relación de tensión entre os usos do poder e a sociedade que se estaba a vivir neses anos.”
______________________________________________
5 Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini” (profesor, cantautor, compositor, musicólogo e político) fora destinado como mestre a Sober e comezou a parar, en Monforte, pola libraría Xistral. Era o único lugar onde se podía atopar entón algún libro en galego –como “Memorias dun neno labrego”, de Neira Vilas ou “Os soños na gaiola”– aptos para o ensino. Alí comezou a súa relación con Saleta e con Manuel María.
O tequeletéquele, de Fuxan os ventos (1977)
O CONFLITO DAS ENCROBAS
Non estertores do franquismo, en varios lugares de Galicia, as xentes, os ríos e a terra foron vítimas do furto enerxético. O réxime engraxa a súa maquinaria para saciar ao capital: aproba un decreto de utilidade pública, declara o lugar de interese preferente e brinda a Lignitos de Meirama a expropiación forzosa pola vía de urxencia. As cifras son humillantes: o xacemento e a central térmica ocuparán 900 hectáreas, das que se extraerán cen millóns de toneladas de lignito durante 25 anos.
O 15 de febreiro de 1977, os veciños da aldea das Encrobas (Cerceda, A Coruña) inmobilizáronse para evitar o espolio das súas terras e enfrontáronse a douscentos gardas civís que acudiron ao lugar para expropiar as súas terras para a mina. O ditador Franco decretou que os terreos da futura mina de carbón poderían ser ocupados aínda no caso de non acadar un acordo cos lexítimos propietarios. Naquela fría mañá de inverno, o conflito alcanzou o seu momento culminante e tamén un punto de inflexión: aínda que non evitou o drama de que os agricultores tivesen que abandonar as súas casas e as súas terras, si lles permitiu facelo recibindo unha compensación moi superior á inicialmente exposta. Centenares de valentes persoas -na súa gran maioría mulleres e algúns vellos- enfrontáronse aos 200 gardas civís que armados cos seus fusís tiñan orde de facer efectiva a expropiación. O lugar foi escenario de momentos de gran tensión, pero os veciños soportaron as cargas e a súa oposición para deixarse asoballar e regalar as súas terras acabou por ter recompensa.
A repercusión que tivo aquel suceso, mesmo entre a prensa internacional, obrigou a un cambio de estratexia e días despois daquela xornada Unión Fenosa realizou unha nova oferta polas súas terras aos agricultores.
“A terra é nosa, e non de Fenosa” berraban as aguerridas mulleres.
Espléndida foto de Xosé Castro onde vemos unha muller, rodeada de tricornios brandindo o paraugas .