top of page

Cántiga

Curros Enríquez

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
“Xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.

 

Os seus ecos de malenconía
camiñaban na alas do vento,
i o lamento
repetía:
“Vou morrer e non ven ó meu ben!”

 

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.

 

I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
“Quen pudera dar volta _pensaba_,
quen pudera convosco voar!…”

 

Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
sólo os ventos
repetían:
“¡Quen pudera convosco voar!”

 

Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…

 

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
unha cova
nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.

Cantan, nesta orde: Pucho Boedo, Rosa Cedrón, Uxía e Ana Kiro.

bottom of page